O día en que me convertín no vello que prometín que nunca sería

Non era o primeiro aviso. Na carnizaría xa me cederan o paso. Incluso me chamaran señor. Pero non lle din máis importancia. Cousas de rapaces. Empeceime a preocupar ao decatarme de que Iniesta, que é case da miña quinta, marchaba xogar ao Xapón. Fun buscar a Guía Marca, pero como iso xa non se leva, acabei por entrar na Wikipedia. A conclusión foi demoledora: a meirande parte dos xogadores da Primeira son máis novos ca min. E o que é peor, dos que quedan do 85 xa ninguén fala ben. Que son vellos, que son lentos…os comentaristas de fútbol non teñen perdón.

Porque a primeira gran frustración que recibín na vida foi ser consciente de que non valía para xogar no Barcelona de Guardiola. Mantiven a esperanza ata hai uns meses, ata que asumín que ningún ‘cazatalentos’ ía apostar por un tipo de 33 anos que nin sequera xoga no Peter´s-Caronium de Liga de Peñas. A verdade é que xa tanto tiña. Tampouco queda xa moito do Barcelona de Guardiola.

O caso é que creo levar toda a vida pelexado contra o tempo. É unha teima persoal. De aí o de non levar reloxo xamais. E tamén o de chegar sempre tarde. Todo non se pode nesta vida. Cando era novo o tempo non pesaba tanto, como se a medida que pasan os anos as brazadas de aire fosen máis caras no Gadis. Como as sardiñas no San Xoan. Daquela eran outros os que maldicían o paso do tempo. Esta xuventude, todo o día coa dichosa maquinita (ou máquina de mallar, que hai versións para todos). Seica non saïamos o suficiente á rúa. Nin bailabamos repichocas senón o aserejé. Seica era un delito non nacer coa carta de axuste.

Naqueles días da infancia -azul- prometinme que eu nunca sería un deles. Un deses vellos amargados polo futuro. Estaba seguro que o tempo a min nunca me ía adiantar. Que non habería nada máis moderno que unha Master System nin un dianteiro mellor que Oliver Atom. Mais resultou que non, que a min, como a todos os que o intentaron antes, tamén os venceu o tempo.

De súpeto un día MacGyver era un clásico e E.T. unha precuela de Avatar. No patio, os dun par de cursos máis abaixo xa non soñaban con ter un DeLorean. Nin sequera sabían o que era. Para os que, coma min, non somos millenial pero tampouco analóxicos o mundo é un lugar inhóspito. Como Paulinhos no céspede de Iniesta.

O peor chegou fai uns días, nunha conversa que empezou por Facebook e rematou en persoa -como bo resumo xeracional- . Os rapaces de hoxe en día, todo o día pegados á pantalla. Non abren un libro. Nin lles pidas que escoiten a radio. Como van saír a rúa senón saben o que está a  pasar ao seu redor?

E así, sen querelo, dinme conta de que xa era o vello que prometín que nunca sería.

Tags from the story
,
Written By
More from Pablo L. Orosa

Honduras, capital Venezuela

Fagan a proba. Xúntense con amigos ao redor dunha mesa e vaian...
Read More

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *