Estado xornalístico: infelizmente óptimo

Ultimamente escoito moito iso de “infelizmente óptimo”. Seica vale para case todo. Para os consellos de redacción de Luzes, para o estado de saúde e ata para o cambio de Goberno. Mais se hai un sitio onde non deixo de escoitalo e nas conversas con outros xornalistas. “Que mal está todo”, “Se tivera outro xefe”, “dan ganas de deixalo”. O do xornalismo é un gremio moi dado aos  excesos. Aos psicótropos. E aos do autoflaxelo. Moi de #drama dende aquilo de W. R. Hearst de “Usted proporcione las imágenes. Yo pondré la guerra”.

O Twitter, esa barra de bar na que un pode beber xenebra premium mentres tende os calzóns, volveuse dun tempo a esta parte no espazo predilecto para chorar as nosas miserias. Aínda que de cando en vez atopamos algunha reflexión interesante. A penúltima, a raíz deste artigo en The Objetive: ‘Lamparones en el traje blanco del nuevo periodismo’, un repaso (outro máis) ao ‘Novo xornalismo’ trala morte de Tom Wolfe. Mais neste caso o xornalista apuntaba o seu lado escuro, a ese recuncho gris entre a verdade e o que non é tan verdade. Ás fendas nas obras de Kapuscinski, Talese ou o propio Tom Wolfe.

“Decir que un trabajo es al mismo tiempo ficción y periodismo, o asegurar, como recientemente hizo Doctorow, que ‘ya no existe eso de la ficción o la no ficción: solo hay narrativa’, son, bajo mi punto de vista, serios crímenes contra el público”, sinalo o ‘antimanifesto’ “The Legend on the License” publicado en 1980 por John Hersey e citado no artigo.

Pese a irrefutabilidade dos seus argumentos, hai outro, que agromou tamén polo Twitter, que resulta igual de innegable: no ‘vello novo xornalismo’ tamén hai fallas de rigor. Aí están os erros de Ramón J. Sender coa serie sobre ‘Casas Viejas’, a manipulación sistémica nalgunhas televisións públicas ou premio Pullizter concedido por unha reportaxe de investigación sobre a droga en Washington que resultou ser falso.

Eu, que adoito comezar as miñas intervencións polo lado negativo das cousas, direi que si, que o xornalismo está mal. Se me apuran, case ata para darlle a extremaunción. Faltan editores que rompan a axenda e xornalistas con gañas de saír á rúa. Triunfan os que contan a erupción dun volcán por Twitter ou a roupa que levan as ministras. Ditadura do clickbait. Esmorecen os correctores e xa non hai tempo para que medren as historias. Hoxe é todo para hoxe e así é difícil entender algo.

Mais tamén é verdade que nestes tempos da postverdade estanse a facer grandes historias. Entre os que devecen polo ‘novo xornalismo’ e os seguidores dos datos e o -suposto- rigor aséptico do ‘vello novo xornalismo’. Quizais o mellor xornalismo xa non se atope nos grandes medios -aínda que moitos volvan agora a vista a El País coa esperanza de que o nomeamento de Soledad Gallego-Díaz lle devolva a gloria pasada-, pero tampouco somos a mesma sociedade. Unha sociedade distinta precisa de medios distintos. Porque agora para informarse de fútbol un pode seguir recorrendo ao Marca, mais tamén pode botarlle unha ollada a Panenka ou a Líbero -ou as columnas de Jabois, Tallón ou Cabaleira-. Seguir o ‘procés’ da man de Guillem Martínez en Ctxt ou mirar cara a Filipinas cos podcast de 5W.

Nin sequera hai que ir tan lonxe. Hai relatos alternativos sobre o que acontece en Galicia que revelan en Praza Pública, Sermos, O Salto ou nas páxinas da nosa Luzes. E segue a haber grandes profesionais nos medios de sempre. Aínda que ás veces custe atopalos entre tanto palmeiro.

Máis que enlearnos en debates sobre novos e vellos xornalismos, coido que debiamos apuntalar o camiño iniciado: convencer á sociedade de que os contidos de calidade páganse. Sexan investigacións sobre a corrupción en Panamá, análises de tendencias electorais con big data ou un retrato sobre Pepe Mújica sen falar con Pepe Mújica. Mudar o modelo, facelo sostible a base de subscricións dos lectores, é o único camiño que lle queda ao xornalismo. Penso que estamos a dar o primeiro paso: ofrecer historias que pagan a pena. Agora queda o máis difícil: que sexan suficientes os que o pensen.

Artigo publicado en Luzes

Written By
More from Pablo L. Orosa

“A loita do sorriso” pon en xaque a corrupción na Malaisia

O primeiro ministro de Malaisia, Najib Razak, non lle teme á oposición....
Read More

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *