A medida das cousas. En Copas de Europa. Ou en Orzamentos Xerais do Estado

Había poucos días que volveramos á escola e eu andaba nervioso á espera daquel primeiro encontro. Aquest any si! No xornal dicían que o Barcelona fichara un arxentino que nin Maradona e eu daquela cría todo o que contaban no xornal: había que pedalear dous quilómetros costa arriba para compralo. Como ía mentir aquel xornal despois diso! Con aquel convencemento irrefutable chanteime no patio disposto a levarlle a contraria a calquera: non había dúbida posible, o mellor é o arxentino. Pono o periódico!

Ao meu carón empezaron a saír nomes. Que si Makaay. Que si Djalminha. Ata houbo algún chistoso que sacou a Pauleta. A min non me dobregaban, eu tiña a razón, que por algo o escribiran no xornal. Daquela apareceu outro rapaz, repetidor, con todo o respecto que iso impoñía.

-Calade xa. O mellor é Raúl. Que para algo gañou a Copa de Europa.

Aí estaba. A medida das cousas. A Copa de Europa. Contra iso non había argumento que valla. Por moito que dixese a prensa. Así volvín á clase, coa lección aprendida.

Porque daquela todo se medía así. Os listos eran os que sacaban mellores notas en ciencias. Os populares, os que tiñan varias mozas no Baroke. E os mellores, os que gañaban Copas de Europa. Ou torneos de futbito na escola, que era o equivalente local. A min todo aquilo non se me daba moi alá. Nin as matemáticas. Nin as rapazas. Nin o de marcar goles.

Mais pronto atopei a miña pequena revolución. A de levar a contraria, que é sempre o comezo de calquera revolución. Matriculeime en francés, deixei de pensar que un día sería Maradona e ata botei moza. Cos anos afondei nesa idea de mirar o mundo de esguello. É a vantaxe de ser miope. Atopei canda min máis xente que mira o mundo ao revés. Faláronme de Debord, do valor de uso e do Inconsciente Social de Erich Fromm.

“Demasiada filosofía, mellor arrinquémola dos plans de estudos, non vaia ser que descubran que a vitoria non se mide en Copas de Europa!”, berran dende o altofalante do televisor os hooligans do Antiguo Régimen. Velaí a contrarevolución: domínannos porque dominan a medida das cousas.

Só así se explica a rendición histórica da socialdemocracia europea ao equiparar por sempre emprego e traballo. Resulta que coidar de teus pais cando son maiores non é un traballo porque non recibes unha remuneración? Dende a lóxica neoliberal -á que se renderon os socialdemócratas- non o é. Non hai valor de cambio. Pero, tal e como sinala Guy Standing neste artigo en Ctxt, coidar tres horas ao día do familiar doutra persoa a cambio dunha paga si se considera traballo. Un absurdo que deixa desprotexidas a moitas persoas, case sempre mulleres. Porque neste xeito rancio de mirar o mundo son elas, a miúdo, as que non teñen paro nin consideración laboral. As cousas de casa non computan no PIB.

Non me sorprendeu nadiña que nos Presupostos Xerais do Estado, que son as Copas de Europa da economía, non houbera partida algunha para a memoria histórica, rebaixaran un 20% os fondos para combater o cambio climático nin que esquecesen poñer algo para que os pais dediquen unhas horas a ensinar os fillos a andar en bicicleta. Non, para o valor de cambio da sociedade é moito máis relevante subirlle o soldo a Rajoy, aumentar os fondos para a Casa Real ou disparar o orzamento de Defensa. Así é como se deconstrúen as sociedades. Facéndonos crer que gañar e igual que ser o mellor.

Artigo publicado en Luzes

Written By
More from Pablo L. Orosa

«O médico dos pobres», historias da resistencia en Tui

Ela mesma lle entregou a carta. A despedida. A Guillermo Vicente de...
Read More

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *