A terceira batalla de Mogadiscio

A imaxe dos soldados do Black Hawk arrastrados polas rúas de Mogadiscio amedrentou á sociedade norteamericana e forzou á administración Clinton a retirar as tropas norteamericanas de Somalia en 1994. Trece anos despois, as forzas estadounidenses volveron a despregarse no país africano ante a crecente ameaza dos yihadistas da al Shabab. Pero esta vez a batalla de Mogadiscio non se libra aquí, por máis que o sanguento atentado de outubro silenciara durante días o boureo da capital. A terceira batalla de Mogadiscio dispútase a 30 quilómetros, no val do Shabelle, onde os extremistas se rearman para volver tomar o país.

Unhas sandalias e un rego de sangue seco sobre a area. É todo o que queda despois do último ataque da al Shabab en Lafoole. O terceiro das últimas semanas. “Isto non ten sentido. Só eran civís”, laméntase Inok. Ten os ollos pechados, demasiado cansados de ver o lado malo das cousas, e a suor, de tanta que é, pinga no chan. Nos minutos que seguiron á explosión, a tensión apoderouse do batallón. “Cando unha bomba é detonada, outra pode estar a piques de selo”. Agora por fin Inok pode descansar. Polo menos por un segundo. Pero ese é, quizais, o peor momento. O momento no que Inok lle dá voltas á cabeza. Pensa nos dous fillos que o esperan en Kampala e en que quizais a próxima vez non teña tanta sorte. Non transcorreran nin cinco minutos desde que a súa unidade atravesara Lafoole cando a bomba fixo explosión.

-Non tes medo?

-“Non, non podo ter medo. Esta é a vida dos soldados”.

*****

Aínda non son as nove e os homes do capitán Jacob xa están reunidos no punto de encontro da base avanzada de Arbiska, a 30 quilómetros de Mogadiscio, en pleno val do Shabelle. Vai calor neste maldito deserto e a maioría quitaron o casco para escoitar as palabras do seu superior. Como cada mañá teñen que saír patrullar a estrada que une Afgoye con Mogadiscio, unha das rutas clave para as comunicacións co sur de Somalia. “É un traballo moi perigoso”, recoñece o coronel ugandés Chris Ogwal, máximo responsable do XXI batallón despregado en Arbiska. “En moitos casos estamos cegos (sen información) e a milicia da al Shabab continua nos arredores”.

Desde a súa retirada de Mogadiscio a finais de 2011, cinco anos logo conquistala na bautizada como segunda batalla de Mogadiscio, os yihadistas da al Shabab permanecen repregados no sur do país, camuflados entre a xente. Entre a súa xente. Á espera de que as 22.000 tropas da African Union Mission to Somalia (AMISOM) comecen a retirarse nos vindeiros meses. Entón volverán atacar. A intentar reconquistar o que foi a capital da Unión de Tribunais Islámicos. “No momento no que a AMISOM se retire al Shabab farase máis forte e volverá marchar sobre Mogadiscio”, alerta o coronel Ogwal. “Si, é unha posibilidade clara”, concorda o profesor de historia africana da universidade de Warwick, David M. Anderson.

As vitorias militares en Janale, Barawa e Bariire, onde a intervención foi apoiada por forzas norteamericanas, non lograron tranquilizar esta rexión do antigo protectorado italiano de Somalia: aínda que logran liberar as vilas, a AMISOM non ten recursos para manter as súas posicións e en cuestión de días abandonan a zona e esta volve ser tomada polos leais a Ahmad Umar. A clave, apunta Anderson, é o forte respaldo social co que conta al Shabab: “Son á vez resilientes e adaptables, máis que outros grupos insurxentes, e o seu nacionalismo intrínseco proporciónalles unha sólida base social que continúa alimentando este apoio mentres os exércitos estranxeiros ocupen chan somalí. Aos somalís poida que non lles guste al Shabab, pero gústanlle menos os invasores estranxeiros”.

Ao redor da base de Arbiska hai rapaces corricando. Na entrada, apenas a uns metros dos tanques de resposta rápida, organizaron un partido de fútbol: non hai porterías, pero si un balón. Algúns soldados coñecen aos raparigos e chámanos polo nome. De cando en vez veñen pedir auga ou medicinas. Tamén se encargan de comprarlles sodas ou de recargarlles internet. “Aínda que os coñecemos, non nos podemos fiar. Agora poden ser amigables, darche incluso algo de información, pero uns minutos despois xa están colaborando con al Shabab”, revela un dos soldados do capitán Jacob. Inok mírao desde a distancia. Non asente, pero tampouco contradí ao seu superior.

Lafoole, como todos os pobos da néboa gris, tamén morre de desesperanza. Os pastos están secos, os postos de comida baleiros e as nubes que asoman polo horizonte son cada vez máis escuras. Un policía somalí, apenas un raparigo sen uniforme pero cun AK-47 colgado do brazo, dános a benvida. O comandante Walter Kisa pide aos seus soldados que extremen a vixilancia: “Estamos nun dos puntos quentes”. Desde fai seis meses, os ataques son constantes nesta zona do país.

-“Mira, aquí están os restos dunha explosión da semana pasada”, sinala Inok coa punta do fusil.

El é o único dos soldados que saúda aos veciños. Non máis que un xesto coa cabeza, de cando en vez algunha palabra que aprendeu en somalí. “Non hai ningún problema con eles”, repite. Unha furgoneta abarrotada con homes e maletas amoreados sobre o teito avanza aos tombos. Outra minivan, “xaponesa”, intenta adiantala, pero ten que deterse ata que o carro tirado por un burro tan enfraquecido como o seu dono se aparta.

O convoi con materiais de construción vén en camiño desde Mogadiscio. Á patrulla de Walter Kisa aínda lle faltan un par de quilómetros por recorrer: hai que revisar a pé cada metro, os matos e as pequenas tendas que salpican a ruta. Pode haber explosivos (IED polas súas siglas en inglés). “Algúns levan tempo colocados e detónanos ao paso dos nosos convois. Outros póñenos polas noites”, explica un dos soldados. Lafoole, e os campos de desprazados internos que o rodean, son imposibles de controlar. Demasiada xente. Demasiada desesperanza. Demasiada néboa gris.

-“Rápido, rápido”, berra o máis avanzado de patrulla.

Nuns segundos, o grupo dividiuse. Uns acoden a revisar o que parece un artefacto sospeitoso. Os demais dispóñense en formación, separados un metro uns dos outros para que as balas perdidas non se cobren premio dobre, preparados para unha emboscada.

-“Falsa alarma”.

En Lafoole observan a escena con desconfianza. Un grupo de mulleres refuxiadas sae ao paso de patrulla para pedirlles axuda. Nunha cantina, dous homes intercambian algunhas palabras cos soldados. “Non te fíes”, repite o compañeiro de Inok. Os homes de al Shabab están entre eles. Algúns son os seus propios fillos. E aínda que non o sexan, para que ían colaborar con tropas estranxeiras. Cando estas marchen al Shabab seguirá aí. E al Shabab non perdoa a traidores.

“Alí, alí”.

A explosión sacudiu a estrada e unha nube de fume negro alcanza xa o ceo. “Foi a minivan xaponesa”, murmura un dos mozos de Walter Kisa. Mentres chegan os artificieiros, as tropas da AMISOM aseguran a zona. Hai un buraco de varios metros no chan e a cabina dun camión esnaquizada. Tamén unhas sandalias e un rego de sangue xa seca sobre a area. As sandalias son da nena. O sangue de súa nai.

“Isto é non ten sentido. Só eran civís”. Inok ten os ollos pechados e non para de darlle voltas á cabeza. Ata cando vai durar este inferno? Entón alguén vén coa noticia. A muller ten o estómago esnaquizado. Non vai sobrevivir. Inok xa non pode pechar máis os ollos. A vida é demasiado puta.

O sangue de Bariire, os mortos de Mogadiscio

A finais de 1992, as forzas estadounidenses desembarcaron nas praias de Mogadiscio para garantir o reparto de axuda humanitaria para unha poboación que morría coa fame. Somalia era xa por entón un país devastado: os señores da guerra, encabezados por Mohamed Farah Aidid, iniciaran meses antes unha guerra fratricida na que non había prisioneiros. A alarma polas atrocidades que estaban ocorrendo, como a execución dun grupo de mulleres na cola de reparto de alimentos, forzaron á administración Clinton a intervir, baixo o auspicio da ONU, na bautizada como operación Restaurar a Esperanza. O asasinato de vinte e cinco soldados pakistaníes despregados nunha misión humanitaria foi a coartada para iniciar captura de Aidid.

Pero o 3 de outubro de 1993, a primeira batalla de Mogadiscio foi o principio do fin para os norteamericanos: as milicias de Aidid, que adestraran en Yemen xunto á por entón descoñecida al Qaeda de Osama Bin Laden, converteron o barrio de Bakara nunha rateira. O convoi sufriu unha emboscada e dous helicópteros foron derribados. Dezaoito soldados estadounidenses perderon a vida e setenta e cinco resultaron feridos. Un deles foi linchado en plena rúa: logo de profanar o seu cadáver, atárono con cordas e pasearon o seu corpo por toda a cidade. O fotógrafo canadense Paul Watson, ao que todos en Mogadiscio coñecían como Gamay (“manco” no sonoro idioma somalí), inmortalizou aquela escena que anos despois faríase universal coa película Black Hawk Down.

O impacto mediático daquelas imaxes cambiou a historia da rexión. Clinton ordenou a retirada das tropas norteamericanas de Somalia e o país quedou en mans dos señores da guerra. Poucos meses despois, cando o xeneral canadense á fronte do continxente de Nacións Unidas en Ruanda Romeo Dallaire alertou do que ía suceder no país dos mil outeiros, a diplomacia estadounidense obviou o uso da palabra “xenocidio”, que obrigaba a unha intervención inmediata. Cando por fin a misión internacional chegou a Ruanda, os hutus radicais xa perpetraran unha das maiores matanzas da historia moderna.

Dúas décadas logo daquilo, Ruanda comezou a selar as súas feridas, pero Somalia non fixo máis que avanzar cara ao caos: aínda que foron expulsados de Mogadiscio a finais de 2011, os islamistas radicais de al Shabab seguen controlando boa parte do país. Ao norte, os señores da guerra manteñen os seus bastións nos que proliferan piratas e milicias afines ao ISIS. Mentres, fronte ás costas de Yemen, Somaliland, a democracia máis forte de África do Leste segundo The Economist, esixe o recoñecemento internacional da súa independencia. Un escenario de “divisións e deficiencias crónicas” que transforman o futuro de Somalia, en palabras dos investigadores de Crisis Group, en “incontrolable”.

Coa retirada AMISOM, cuxo repregamento se debería completar antes de 2020, a prioridade da misión internacional é asegurar o perímetro de Mogadiscio no val do Shabelle. “O propósito é garantir que eliminamos aos elementos de al Shabab nesta área”, explicaba o tenente coronel Israel Kaheru Bagenda tras iniciar o pasado novembro unha nova fase do operativo contra os yihadistas neste enclave ao noroeste da capital. Desde o pasado marzo, Estados Unidos uniuse á loita contra os extremistas: primeiro bombardeando as posicións de al Shabab en Baidoa e posteriormente despregando tropas regulares en Somalia por primeira vez desde o ocorrido en  Bakara en 1993.

A cidade de Bariire, a corenta e cinco quilómetros de Mogadiscio e a menos de trinta de Lafoole, é a gran obsesión da US Africa Command (AFRICOM). Aínda que as tropas gobernamentais -apoiadas polos norteamericanos- lograron recuperar o control da cidade nos primeiros meses de 2017, a principios de outubro procederon a unha “retirada táctica”. Unha semana despois, dous atentados terroristas coordinados devolveron a Mogadiscio a dor de máis de 500 vítimas mortais e 300 feridos.

“Evitar atentados en Mogadiscio é aínda máis difícil se as zonas circundantes volven estar baixo o control de al Shabab ou cando as comunidades, indignadas pola corrupción e a incapacidade do Executivo, e polas mortes de civís durante as operacións antiterroristas, ofrecen apoio tácito aos islamistas. Al Shabab sabe aproveitar a ira pola corrupción dos funcionarios -Somalia está considerado o país máis corrupto do mundo, segundo Transparencia Internacional- para solicitar apoios”, sinala Crisis Group no seu último informe.

O TM (Bedford) -un modelo de camión que antes usaba o exército somalí- que explotou no K5, unha concorrida zona de Mogadiscio chea de restaurantes e edificios gobernamentais no barrio de Hodan, procedía do val do Shabelle e crese que pasou varios controis vixiados por soldados somalís na estrada que une Lafoole e Mogadiscio. É posible que os explosivos estivesen ocultos nalgún cargamento. Tamén é posible que subornasen aos soldados para que deixasen pasar o camión. O home que o conducía, un antigo membro das forzas de seguridade somalís, residía nunha das aldeas de Bariire que foron asaltadas en agosto polas tropas especiais norteamericanas nunha polémica operación que se saldou cunha decena de mortos, entre eles tres nenos.

“A estratexia estadounidense para decapitar a al Shabab terá os seus éxitos”, recoñece o profesor de historia africana da universidade de Warwick, “pero os insurxentes demostraron a súa capacidade para atopar substitutos e manter as súas estruturas de mando e adestramento. Os ataques contra al Shabab requiren un tempo para ser efectivos, poden pasar un ou dous anos antes de que vexamos un declive substancial na súa capacidade para levar a cabo atentados importantes”. Polo menos ata entón, a resposta dos yihadistas está clara: a cada operativo das forzas internacionais seguiranlle máis mortes. Aínda que sexan de civís. Aínda que sexan, como a muller de Lafoole, só un rego de sangue seco na area.

Rolda de Mogadiscio

O centro de Mogadiscio, sede de embaixadas, do aeroporto e da base da AMISOM, é un búnker. Os soldados apostados na sucesión de checkpoints que vixían Medina Gate, a principal porta de entrada, comproban minuciosamente as autorizacións. O perigo é latente. O hotel Jazeera, un complexo señorial coas vistas máis impoñentes da cidade onde políticos, empresarios e buscavidas divagan entre tés e sobremesas azucrados, foi obxecto de ataques terroristas en varias ocasións. En 2012 faleceron oito persoas.

Xunto á praia, son os marines os que se encargan de manter aos yihadistas afastados: durante a segunda batalla de Mogadiscio, os radicais aproveitaron a noite para penetrar e facerse con material militar. Hoxe, a base é segura e o centro de abastecemento puido trasladarse dende Mombassa, en Kenia, á capital somalí. “A nosa función principal é a de asegurar as rutas de subministración”, explica o capitán Dennis mentres os seus homes agardan para saír a patrullar a costa que rodea ao aeroporto. “Al Shabab é moi paciente. Está esperando a que baixemos a garda para atacar”.

A estrada está chea de fochas. Os blindados da AMISOM tratan de esquivalos mentres os seus soldados acaban de prepararse: uns colócanse o casco, outros apuran un grolo de auga fresca. No interior vai unha calor espantosa. “A situación está complicada aí fóra. Non vos deteñades nin vos baixedes baixo ningún concepto”, repite o mando antes de despedirse dos seus mozos. En Mogadiscio os ata logo sempre soan a adeus.

Fóra a realidade é demasiado inestable. A crise do Golfo, coa disputa que Arabia Saudita e Emiratos Árabes Unidos manteñen con Qatar, debilitou aínda máis ao goberno do presidente Mohamed Abdullahi “Farmajo”, incapaz de tomar partido publicamente por un dos bandos, o que levou aos primeiros a intensificar as relacións bilaterais cos líderes rexionais e reducir as súas achegas ao Executivo central. Sen estes fondos, o Executivo non pode pagar os salarios aos policías, soldados nin aos funcionarios dos servizos de intelixencia. “Os esforzos do Goberno de asegurar Mogadiscio consisten, sobre todo, en localizar as armas ilícitas, controlar ás milicias dos clans e levantar barreiras nas principais entradas á cidade. Pero estas medidas non son suficientes”, asegura a investigación de Crisis Group. “Os soldados que non cobran son subornables e os clans descontentos nos arredores da cidade permiten que se infiltren os membros de al Shabab. As unidades de elite da Amniyat (a temida policía secreta de al Shabab), levan anos traballando na capital, introducíndose nas estruturas de seguridade do Estado, reunindo información e asasinando a funcionarios e confidentes do Goberno”.

Nos mentideiros do Jazeera ninguén o pon en dúbida. Os amigos de hoxe son os inimigos de mañá. Os políticos méntense á cara e os mandos policiais desconfían uns doutros. Só coinciden en que a retirada dos tropas internacionais pode resultar catastrófica. “As forzas da Somali National Alliance (SNA) e da policía están mal organizadas, mal adestradas, e son potencialmente desleais ao goberno de Mogadiscio: están compostas por grupos de milicias, son localistas e facilmente infiltrables. Os esforzos por transferir máis responsabilidades ás forzas somalís déronlle a al Shabab un respiro necesario para reorganizarse e reorientarse”, resume David M. Anderson. O pasado mes de febreiro, menos de catro meses despois do gran atentando de outubro, as forzas de al Shabab perpetraron outro doble atentando na capital somalí, primeiro contra Villa Somalia, o palacio presidencial, e minutos despois contra a sede dos servicios de intelixencia. Polo menos 35 persoas faleceron desta doble ofensiva.

“A situación é de máxima tensión”, alerta vía telefónica un dos comandantes da AMISOM. As tropas do XXI batallón permanecen en alerta. Saben que os radicais volverán atacar. E farano pronto. Cada noite, cando as tropas internacionais regresan a Arbiska, os tribunais islámicos recuperan o control do val do Shabelle. Pouco importa que desapareceran oficialmente, seguen a supoñer a única orde en Lafoole. A poboación confía neles. Un pouco por medo. Un pouco porque son os únicos que sempre estiveron ao seu lado.

A 30 quilómetros de alí, no cruzamento de Ansaloti, un grupo de axentes somalís dá o alto a un vehículo ante a mirada aprobatoria dos soldados da AMISOM. Dous mozos baixan do mesmo. Un dos axentes pídelles que abran o maleteiro. O outro mantén o fusil na man.

-“Levanten a camiseta”.

Reportaxe publicada na revista Luzes

Written By
More from Pablo L. Orosa

Kenyatta, un líder sin legitimidad para Kenia

Con un apoyo del 98,2%, Uhuru Kenyatta ha sido reelegido presidente de...
Read More