A consciencia dun falante moribundo

Nas illas Surín, quizais o recanto máis fermoso e afortunadamente máis afasatado dos circuítos turísticos da Tailandia, atopei unha desas historias que che cambian a perspectiva: era a hora do solpor e estaba a morrer unha palabra.

Os vellos moken, os chamados xitanos do mar do mar de Andamán, andaban preocupados. Se morren as palabras, morre a cultura. O xeito de ser. O mesmo que salvou aos moken aquela mañá de decembro de 2004. Naquela hora na que un tsunami arrasou 14 países do sueste asiático morreron 230.000 persoas. Ningunha deles foi un moken. Durante xeracións, os anciáns moken falábanlles aos cativos de praias sen auga e de animais desbocados. Do laboon. Pero dende que a televisión chegou á aldea, os mozos xa non acoden aos encontros nocturnos, á luz das faíscas, a escoitar os contos. Agora prefiren quedar vendo a televisión. A próxima vez que se retiren as augas, aseguraba un dos anciáns, non saberán que facer. Non saberán que se achega un tsunami. E morrerán, como morreron todos os demais aquel día no mar de Andamán.

Hoxe só 10.000 persoas -4.000 en Tailandia e 6.000 na Birmania- falan o idioma moken. A maioría son xa demasiado vellos. En menos de dez anos o idioma practicamente estará extinguido. Desta lado da ribeira, o idioma aínda non anda tan enfermo. Mais non lle falta moito. Segundo o último informe da Real Academia Galega (RAG), o galego xa non é o idioma maioritario entre os máis novos.Razóns hai moitas. Que quitaran o Xabarín e o fútbol da Galega (o saíu lambendo o longueiro fixo máis polo idioma que todas as promesas dos políticos) é unha. Pero hai máis. A falta de medios de comunicación en galego (si, mirade ben a quen lle da as axudas a Xunta), a derrogación de facto da Lei do Libro e da Lectura de Galicia… pero sobre todo detrás desta realidade escóndese o profundo desafecto que lle inocularon á nosa sociedade polo noso idioma.

Iso que me dicía un amigo meu o outro día, “ayer fui al Santa María del Mar y hay ocho horas a la semana en inglés y dos en gallego. Al final hay que priorizar, en un mundo tan global es fundamental saber inglés. Como padre me preocupa mucho más el inglés de mi hijo que el gallego, porque va a vivir en un mundo super competitivo y el inglés le puede dar de comer, el gallego no”. Non lle lo tomedes a mal, non é mal rapaz. É o resultado da dominación cultural (de violencia simbólica que diría Bourdieu) que nos fixo crer que o galego non serve para gañar o futuro. A consecuencia de entender o mundo polo valor de cambio en non polo valor de uso: por esa crenza universal de que si un fala galego e saca as vacas non pode comentar Young Pope de Sorrentino nin moito menos viaxar a Nueva York. ¡Como se vai comunicar en inglés se gastou todas as neuronas en aprender o inservible! 

É innegable que o galego está hoxe fóra dos círculos de poder. Os negocios do Antiguo Régimen péchanse en castelán, a ciencia e a xustiza parecen eidos vedados e ata o banco do país entende o idioma só para a promoción comercial. Pero ese non é o problema. Nas illas Surin no hai negocios que pechar nin máis xustiza que a da tradición. Tampouco hai bancos. Alí o único que se pode mercar é o tempo. Mais a maior adquisición que fixeron nunca os moken foi a consciencia de si. O día que entenderon que se morrían as palabras, eles tamén morrían un pouco. Morría o seu xeito de entender o mundo. Morría o mar. Morría o laboon

Dende fai uns anos traballan a contrareloxo para codificar o idioma. Anotan e transcriben as cancións tradicionais. Un grupo de universitarios andan a crear un alfabeto. O primeiro alfabeto moken en 3.500 anos. Todo para que na pequena escola da illa incorporen o idioma ás ensinanzas de tailandés, matemáticas, arte e inglés. Porque na aldea saben que para gañarlle tempo ao futuro precisan saber inglés, mais tamén son máis conscientes que nunca de que non haberá futuro senón hai moken. A este lado da ribeira seica non o temos tan claro. Aquí sómosche máis de bilingüismo harmónico.

Artigo publicado en Luzes

Written By
More from Pablo L. Orosa

Aenean imperdiet cursus volutpat

Curabitur in nibh eu urna blandit volutpat ut dignissim nisl. Phasellus a...
Read More