Francisco Otero: “Todo o material dos nosos iPhones sae do Congo”

Dicía Unamuno que lle doía España. A Francisco Otero, (Coruña, 1961) o que lle doe é o mundo. O mundo enteiro. Dende a gran guerra dos Balcáns ao xenocido rohingya. Ultimamente o que máis lle doe é o Congo. Lévalle doendo cinco anos. Dóelle porque as intervencións do equipo de Médicos Sin Fronteras (MSF) que el dirixe frean unha epidemia de cólera, unha máis, pero en tres anos a enfermidade vai reaparecer. Dóelle porque os mortos no Congo valen menos que en calquera outra sitio. Porque 5.500 persoas abandonan as súas casas cada día, máis que en Siria, en Iemen ou en Irak. “Pero en Congo non se ven as bombas”. Non é sexy. E non hai apenas xornalistas para contalo. Dóelle porque o país segue preso da corrupción, de Kabila e do negocio cruento das minas. Dóelle porque neste 2018 haberá máis violencia. Máis cólera. Máis esquecemento.

“Mulleres, nenos…os colectivos máis vulnerables”, esos son os que máis van sufrir. Coma sempre. Coma no mundo enteiro. Estamos a mércores. Nunha cafetería, debaixo da redacción de Luzes, a miles de quilómetros de Kivu do Sur, pero Francisco Otero quita a chaqueta. Despois apura un trago de café. Estamos listos. Para seguir loitando.

-Como remata un fillo da emigración traballando na axuda humanitaria en Congo? 

Meus pais vivían en Suíza, en Xinebra, pero eu nacín en Galicia, aínda que marchei pronto. Estudei e vivín en Suíza toda a miña vida. Estudei enfermería e despois empecei a traballar no Comité Internacional da Cruz Vermella, primeiro como enfermeiro e logo como coordinador rexional en Asia. Estiven traballando en África, en América Latina e en Europa durante a gran guerra dos Balcáns. Cando cumprín 40 anos decidín parar por un tempo esta vida nómade.

A crise dos 40?

A crise dos 40 dicíame que era doado ter relacións privadas nas misións, pero era moi difícil ter relacións que perduren no tempo. Os expatriados estamos acostumados a vivir dun xeito en terreo que despois, cando o desprazas a realidade dos países nos que vives, é máis complicado. Eu decidín volver a España e reconstruír a miña vida privada, de amigos. Cando estás traballando nunha misión internacional perdes moitas relación coa familia, quizais non relación, pero si complicidade, o día a día. E iso pasa tamén cos amigos.

-Perdiches moitas cousas no ámbito persoal por estar nas misións?

Pero tamén gañei noutras. Todo o que fixen axudoume no meu desenvolvemento persoal, no coñecemento que teño da xente, do mundo. Pero non podemos ter todo á vez e nun momento dado tes que tomar decisións e a miña foi parar e asentarme un tempo.

-A elección dunha carreira no mundo humanitario implica un sacrificio para outros aspectos da vida?

Non creo que sexa un sacrificio, pero está claro que non podes ter sempre todo. Perdes nas relacións persoais. Moitas veces cando volves tamén é complicado explicarlle o que fas á xente ao teu arredor.

-Por que?

O que nós vivimos nos países cando traballamos son situacións complexas que a xente aquí non pode imaxinar. Se á xente lle falas da axuda humanitaria pensa que imos alí a dar medicinas, axudamos a poboación…pero explicar todo o que significa, o contexto, porque non é só chegar alí, curar e marchar, senón todo o contexto de seguridade, político que tes que manexar para levar a fin esas actividades

En Bukavu a maioría da poboación non ten acceso a agua e dependen da que traen do lago Kivu e dos ríos cercanos (MSF)

-Non ten a sociedade occidental ese contexto?

Teno pero descoñéceo. Non podes pedirlle á xente aquí que esté ao tanto do que pasa en Congo todos os días. Poden imaxinar unha parte, non todo

-Nesta falta de contexto algunha responsabilidade teremos os medios de comunicación

Nos medios hai cousas que interesan e outras que interesan moito menos. Nos conflitos antigos pouca xente está interesada. Congo, Sudán do Sur, que levamos 20-30 anos de traballo da comunidade internacional, pois o desinterés é cada vez máis marcado. Agora ben, ensinas unha bomba con catro nenos correndo en Siria e é moito máis atractivo. Os medios de comunicación deberían involucrarse máis nos conflitos antigos que aínda precisan moita axuda, non só en termos humanitarios, senón políticos e económicos.

-Vivimos nunha sociedade de consumo rápido. Tamén consumimos os conflitos?


Os intereses dos medios vanse movendo segundo os conflitos existentes no mundo e neste momento temos un nivel conflitual bastante elevado. Estamos indo nunha curva ascendente en lugar de descendente: está o conflito en Siria, en Iemen, os de Sudán do Sur ou Congo, que aínda que sexa durminte está a despertar…

-E así é moi complicado manter a axuda humanitaria

É moi difícil porque o financiamento é moi complicado de obter. Felizmente en MSF temos o nos propio sistema de financiamento, porque se ves as ONGs que traballan a través de Nacións Unidas, que son a maioría, hai un éxodo masivo de Kivu: marcharon case todas nos últimos dous anos porque o interese mediático baixou moitísimo: a situación non mudou nada. ‘Imos falar de Congo outra vez? Se levamos vinte anos falando do mesmo. Que os nenos morren de fame, que hai cólera, sarampelo’…iso non vende. A violencia é o que máis vende, infelizmente.

-Que ten de distinto o xeito de financiarse de MSF?

Temos un sistema de recollida de fondos privados que nos permite manter a nosa independencia, imparcialidade e neutralidade. Se hai unha emerxencia nós xa temos os cartos. Isto vímolo agora coa resposta ao cólera en Congo, cunha epidemia masiva, con 20 das 26 provincias afectadas. En Kivu do Sur a única organización que puido dar una resposta rápida e eficiente foi MSF.

A independencia de MSF é importante porque é necesario que poida diferenciarse entre as organizacións de axuda humanitaria de, por exemplo, a actuación da misión da MONUSCO que como misión de estabilización exerce un papel imporante no conflito no leste do país. Na súa actuación a veces esvaécese a súa actividade armada e outras que corresponden máis a organizacións humanitarias, como montar unha clínica ou trasladarse en vehículos brancos. Isto só crea confusión entre a poboación, entre a cal, todo sexa dito, non gozan de moi boa reputación e incluso cuestionan o seu papel na pacificación do país. Por iso é imprescindible que MSF poida manter a súa independencia e a mellor maneira de conseguilo é ensinar na práctica diaria que nós só temos un obxectivo: asistir aos máis vulnerables de Congo, que son os que pagan as consecuencias da violencia.

-E vós podedes pasar incluso das presións do propio Goberno de Kabila?

É raro que non consigamos o permiso. En Congo a situación médico humanitaria é catastrófica. O Goberno non ten fondos para xestionala e ten interese en que nós o fagamos. Ademais, nós cubrimos zonas onde ninguén ten a capacidade de acudir.

-Recentemente a xornalista española Trinidad Deiros recollía unhas informacións nas que se falaba de que España e Francia “bloquearon” unha declaración “contundente” pola represión do Goberno de Kabila polos seus intereses empresariais no país.

Non podo citar países, pero si podo dicir que na rexión en todos os países está a pasar o mesmo. Nos grandes lagos, dende Uganda ata Burundi ou dende Ruando ao Congo, todos os países están na mesma situación. Case todos os gobernantes están a saltar a Constitución. En Burundi, o presidente Pierre Nkurunziza decidiu obviar a Constitución e comezar un terceiro mandato, que pasou? Violencia, mortos, desprazamentos de poboación, presión da comunidade internacional, bloqueo…pero aí segue no seu posto. En Uganda, Museveni, o mesmo. Segue no poder. Kagame, en Ruanda, máis do mesmo.

-En Congo, Kabila tamén se intenta perpetuar no poder

A situación do presidente Kabila pode compararse coa dos presidentes dos países de Burundi ou Ruanda. No caso de Congo a alerta sobre o retroceso en dereitos civís, como liberdade de reunión, de asociación ou de prensa, xa foi activada dende diferentes asociacións e estamentos. Ademais está o tema da corrupción, que é algo inimaxinable. Un dos países máis pobres de África é o máis pobre. Tes oro, diamantes, coltán, cobre..todo segue a saír do país, non porque esteamos nunha situación de conflito non sae. Todo o que precisamos para facer os nosos iPhones sae do Congo. Sae como sae.

-Quen está ao fronte das minas?

Hai compañías internacionais que teñen concesións e tamén hai minas tradicionais con xente que cava e leva o que atopa. Esas están controladas polos grupos armados, as forzas do Goberno e o Estado.

-Falabas antes dun contexto similar en todos os países da rexión. Hai pobreza, protestas contra os Gobernos, desencanto…poderiamos asistir nos vindeiros anos a un movemento similar ao que vivimos nos países árabes en 2012-2013. Unha primavera africana?

Nos países onde houbo unha primavera árabe o nivel de educación da poboación é moito máis alto. Para ter conciencia cívica precisas dunha bagaxe que en Congo a xente non ten. As grandes infraestruturas do país non funcionan: nin os transportes nin a sanidade, pero tampouco a educación.

A desnutrición é un dos maiores problemas aos que se enfronta a poboación en Congo (MSF)

-E moitos acaban formando parte do propio conflito como “nenos soldados”

En todos os países en África empréganse nenos nos conflitos armados. Temos grandes tópicos como o Exército de Resistencia del Señor de Kony en Uganda. En Congo tamén hai nenos soldados, nenos que traballan ou portan armas para os grupos armados, pero non considero que sexa un dos problemas máis importantes. En moitos casos van porque non teñen nada que facer. Seus pais non poden pagar a escola e en Congo ata a escola é corrupta: se non tes diñeiro o profesor non che deixa entrar na aula. Os funcionarios apenas cobran do Estado, así que teñen que financiarse dalgún xeito e fano na poboación civil.

-Se Kabila non marcha no 2018, podería estoupar a situación en Congo?

Pódese vaticinar que nas grandes cidades, como xa está pasando, vai haber máis protestas por parte da poboación e unha cruenta represión das mesmas por parte das forzas de seguridade do Estado. Pero é difícil que derive nun conflito aberto, que suporía uns custes elevadísimos que ninguén quere asumir, máxime cando a oposición non está nunha posición de forza. Aínda así, neste 2018 tememos ver unha maior desestabilización pola imbricación entre determinados grupos políticos e diferentes grupos armados con intereses que poden confluír, o que podería ter consecuencias graves na poboación civil en Kivu do Norte e do Sur, zonas do país que xa levan máis de vinte anos de sufrimento por un conflito que non cesa e ao que hai que engadir a falta de organizacións de axuda efectiva.

-Semella un escenario propicio para o caos

O gran problema é económico. Congo ten unha crise económica moi grande. Non creo que a poboación se subleve porque xa non aguanta máis a situación política, ¡hai vinte anos que viven nesa situación! En cambio, a situación económica si podería levar a unha situación convulsa: a inflación está desbocada, a taxa de desemprego é elevadísima, a economía sofre por ser demasiado dependente da exportación de materias primas cuxos prezos agora mesmo están á baixa…se algún día chegamos a ver unha guerra en Congo será pola situación económica.

-A fame. Que foi o que derrotou a Sadam Husein

E a Mobutu, o gran ditador. Foi a situación económica e non política o que provocou o levantamento da poboación. O que é seguro que imos ver é un empeoramento da situación dos grupos máis vulnerables: mulleres, infancia…e o éxodo das ONGs non contribúe a mellorar as cousas. Esta situación tamén pode levar á xente á rúa, a sublevarse. Calquera que sexa a evolución política nós estaremos alí para asistir as necesidades humanitarias da poboación.

-Temen máis brotes de cólera?

Todos os anos temos grandes emerxencias, xa sexan epidemias ou catástrofes. Este ano foi o cólera e produciuse por varias factores: poucas chuvias -o cambio climático tamén se sente en África-, desprazamentos de poboación polo conflito, destrución dos sistemas de auga e saneamento.. En Bukavu viven agora 1,2 millóns de persoas pero o sistema de auga construído nos tempos coloniais apenas está pensado para 400.000. Todo isto fixo que tiveramos unha emerxencia de cólera moi importante con 20 das 26 provincias afectadas, 16 en estado de emerxencia..Nós, como MSF España, tratamos máis de 6.200 casos dende agosto a decembro en Kivu do Sur.

-A emerxencia chegou incluso á capital. Está baixo control a situación?

A situación non está baixo control. Segue crítica en Kinshasa e en moitas das provincias onde se declarou. Nas últimas dúas semanas, na capital, o fluxo de doentes diminuíu, pero segue a ser preocupante. Do 25 de novembro ao 26 de xaneiro rexistráronse 827 casos, con 37 mortes. No resto do país tamén vai a menos.

-Pero volverá a repetirse a epidemia?

O cólera vai ser un pouco cíclico. A última epidemia grande foi en 2013. Este ano a poboación vai ter un pouco de inmunidade e iso fará que non teñamos unha gran epidemia, pero si é posible que en tres anos outra vez volvamos ter unha epidemia importante de cólera.

-Daquela este ano será a fame a que leve todas as portadas…

Todos os anos temos crises nutricionais. O último informe da FAO augura que a fame en Congo en 2018 vai ser máis importante en o ano pasado. Temos millóns de desprazados, desprazouse máis xente en Congo que en Siria, pero diso non se fala. Fálase de Siria porque se ven as bombas e iso en Congo non se ve. Pero nós fixemos unha enquisa de mortalidade en Kivu do Sur en xulio e as cifras que atopamos son dúas veces por riba do limiar de emerxencia. ¡Dúas veces!

A desnutrición como consecuencia da violencia en Kasai (MSF)

Entrevista publicada na revista Luzes

Written By
More from Pablo

Los pescadores de Sebagoro a los que la guerra en Congo hace un poco menos pobres

El tráfico de refugiados que huyen de las matanzas tribales en Congo...
Read More