Os números

Levo dende onte dándolle voltas a isto dos números. A culpa, si, é do Real Madrid que onte gañou a súa 12 Copa de Europa. E precisamente foi o 12, o número, o protagonista. Non había frase de xogadores, afeccionados e medios de comunicación que non mencionara o número. Como se o valor do triunfo, do doceavo triunfo, non tivera sentido sen os once anteriores. Somos o que fomos ata o xusto momento no comezamos a pensar no que imos ser. Ese hábito de preguntar como estás no canto de como es.

Eu que como no París da Comuna o primeiro ao que lle disparei na vida foi aos reloxos vai tempo que reneguei dos números, tan feiticeiros para dicir unha cousa e a contraria. Baixa o paro, si, tanto como medran as despedidas nos aeroportos. Sube a bolsa, si, mais Rosa morre as escuras incapaz de abonarlle as cifras a Gas Natural. Cristiano gaña o seu quinto balón de ouro, si, pero nas recreos os cativos queren ser Messi.

Mais por moito que o intento non consigo liberarme da ditadura dos números. Como se na modernidade gasosa o único sólido ao que aferrarse fosen os números. Contamos os pasos, os polvos e os deuses. Un mundo reducido a escala dos números. A min non me gustan as cousas que se poden medir. Non me gustan as básculas ni tampouco as carteiras.

A min gustaría vivir nun mundo sen números. Porque sen números non hai tempo. E sen tempo, todas as Copas de Europa son unha. Todos os bicos, champaña e os adeuses, deica logos. A min, que son un Guardiolista convencido, gústame pensar que cada día pode ser o último para que sexa como o primeiro.