“A loita do sorriso” pon en xaque a corrupción na Malaisia

O primeiro ministro de Malaisia, Najib Razak, non lle teme á oposición. Tampouco á revolta popular do Bersih nin ao intento de secuestro do Estado Islámico. Nin sequera ao departamento de Xustiza de Estados Unidos pese a que trata de incautarlle mil millóns de dólares por un escándalo de corrupción que salpica tamén a Leonardo DiCaprio. A Najib Razak, o líder do país asiático dende 2009, o único que o amedrenta é a loita do sorriso: as caricaturas de Zulkiflee Anwar Haque, “Zunar”. O debuxante irredento. Ao que unha acusación por nove cargos de sedición ameaza con encerralo unha vez máis. Esta vez por 43 anos.

A colección de libros “To fight through cartoon”, unha recompilación con algúns dos seus mellores traballos, amoréase sobre unha mesa esgallada no estudo de Zunar, un pequeno espazo repleto de caricaturas que ocupan paredes, columnas e a súa propia vestimenta ao sur do barrio de Bukit Bintang. Alén da estancia, un grupo de xornalistas e activistas prepara unha nova edición do seu diario online. É un dos poucos medios que aínda se atreve a dar espazo a Zunar. Os demais, ou o repudiaron ou foron clausurados. “Os xornais están controlados polo Goberno”. Zunar fala amodo. Ten a mirada entornada e o paso canso, coma se o seu corpo só entendese o vertixe do lenzo en branco. É aí onde Zunar se atopa a si mesmo. E onde toda Malaisia observa as sombras do seu propio espello.

Zunar debuxou a súa primeira viñeta controvertida para unha revista da escola. Tiña tan só 18 anos. Falaba dunha profesora que non disciplinaba aos estudantes porque se ausentaba demasiado de clase. Mais foi a destitución en 1998 do líder opositor Anwar Ibrahim e o seu posterior encarceramento meses despois o que trucou ao estudante de medicina nun guerrilleiro do lapis. Os trazos das súas figuras convertéronse dende aquel día na única arma fronte ao despotismo do Barisan Nasional (BN), a coalición política hexemónica na Malaisia dende a súa independencia, dirixida naquel entón por Mahathir Mohamad, hoxe aliado de Anwar na loita por derrocar ao seu fillo político, Najib Razak.

Desde a súa chegada ao poder en 2009, Najib leva coleccionando inimigos: primeiro os opositores do Partido de Xustiza Popular (PJP) aos que arresta e persigue servíndose das leis contra o terrorismo e a polémica Sedition Act, a que mantén en prisión a Anwar e a que ameaza con acalar tamén a Zunar. Despois, foron as minorías étnicas chinesas e indias e o movemento Bersih das camisas amarelas por unhas eleccións limpas e xustas aos que converteu en antagonistas nun deja vu nacionalista que trae á memoria aos enfrontamentos do maio de 1969 nos que ao redor de 200 persoas perderon a vida. Ata o momento, os enfrontamentos saldáronse con polo menos 7 feridos.

Nos últimos meses, coa caída da economía chinesa no horizonte, o baixo prezo dos hidrocarburos e a acusada depreciación do ringgit, a elite económica que sustentaba ao primeiro ministro pasou a ser tamén parte do eixe do mal. “Najib está afectando á economía. Os inversores non se fían del e marchan do país a diario. Pode ser que os oligarcas pensen: “É só un home. Si sacrificamos un home o bote seguirá navegando”, apunta Tian Chua, vicepresidente da alianza opositora Keadilan. Ata os seus camaradas políticos, como o exviceprimer ministro Muhyiddin Yassin foron purgados. “Estamos a avanzar cara a sistema autoritario”, alerta Cynthia Gabriel, directora do Center to Combat Corruption.

A corrupción alcanza o “Lobo de Wall Street”

Durante décadas, Malaisia foi, xunto a Singapur, o paradigma do crecemento económico do sureste asiático traducido nas impresionantes Torres Petronas que dominan os ceos de aceiro de Kuala Lumpur. O desenvolvemento tecnolóxico, os hidrocarburos e un islamismo moderado mitigaban as tensións étnicas e o descontento social que a crise económica non fixo máis que sacar a luz en forma de camisas amarelas e radicais yihadistas. “As diferenzas xa estaban aí, o movemento Bersih é só unha manifestación das mesmas (…) é a forma na coalición leva gobernando as últimas décadas o que sobe a temperatura do conflito étnico”, asegura o escritor Shaun Tan.

Un sistema universitario con prazas reservadas para a maioría malaia, vantaxes económicas á hora de acceder a unha vivenda, mellores postos de traballo…“En todos os niveis da sociedade hai discriminación”, relata Tan. Desde a súa independencia, a Federación de Malaisia alimentou un réxime oligárquico, unha alianza entre empresarios e líderes políticos, que preserva o control económico e social do país. “Sabemos como os políticos gañaron as eleccións todo este tempo: ¡Con diñeiro! Non eran eleccións xustas e libres”, exclama Gabriel, unha das poucas activistas que se atreve a alzar a voz contra os excesos do réxime. “Os servizos de mantemento, de lixos, as autoestradas…non se adxudican á mellor oferta, senón que dependen dos contactos. Existe unha elite de “amigotes” aos que o Goberno ten que alimentar constantemente”, continúa.

En 2009, trala súa chegada ao poder, Najib creou un fondo para atraer investimentos e estimular o crecemento do país. Un quinquenio despois, o 1MDB tiña unha débeda de case 10.000 millóns de euros: boa parte do diñeiro fora desviado a contas do presidente e da súa corte afín. Polo menos así o cre o Departamento de Xustiza de Estados Unidos, o cal tras unha investigación do diario The Wall Street Jorunal e o portal Sarawak Report interpuxo unha denuncia para recuperar máis de mil millóns de dólares dos que se apropiaron altos cargos do Goberno malaio ata 2015 a través dunha rede internacional de lavado de diñeiro. Adquirían propiedades inmobiliarias, xoias e obras de arte. De “A maison de Vincent à Arles” de Van Gogh” a “Saint-Georges Majeur” e “Nympheas avec Reflets de Hautes Herbes” de Monet. Parte do diñeiro destinouse ademais a sufragar a película “O lobo de Wall Street”, cuxo produtor foi Riza Aziz, fillastro de Najib Razak.

Ata a data, o primeiro ministro negou a súa participación no escándalo e ata ordenou unha investigación da Fiscalía malaia que acabou por exculpalo de calquera responsabilidade: o diñeiro que apareceu nas súas contas procedía dun donativo da familia real de Arabia Saudita. Ao coñecer a resolución, a Zunar véuselle á mente un novo personaxe para as súas caricaturas: “The Man of Steal”. O home capaz de secuestrar un Estado. “A día de hoxe, a xustiza está baixo o control do Executivo. As institucións públicas, incluíndo a xustiza, a comisión anticorrupción e a Policía, non son independentes. Están baixo o control do Executivo”, traduce Gabriel.

Todas os resortes do Estado operan contra Zunar: cinco dos seus 15 libros están oficialmente prohibidos ao entender que poderían resultar “prexudiciaís para manter a orde pública” e os libreiros que venden as súas obras legais son atacados con accións xudiciais; o seu desensrolador web tivo que deixar de traballar con el tras convocado pola Policía baixo mandato da lei de Sedición e os principais medios de comunicacións do país néganse a publicar o seu traballo.

Nestes días, as redes sociais e algúns medios dixitais son a única plataforma onde Zunar, gañador en 2015 do premio do Comité para a Protección dos Xornalistas (CPJ, polas súas siglas en inglés), pode atopar audiencia para as súas viñetas. “Vendo os meus libros coma se fosen drogas e seguireino facendo mentres haxa demanda”, asegura o debuxante.

Nunha nova volta de torca xudicial, Zunar, quen volveu a ser detido varios días o pasado novembro, afronta nove cargos de sedición polos tweets publicados en febreiro de 2015 criticando a decisión xudicial de condenar, novamente, ao líder da oposición Anwar Ibrahim a cinco anos de prisión por un novo delito de sodomía, nun movemento ideado para descabezar a alternativa política de cara as eleccións do vindeiro ano.

– “Teño medo, son humano, pero a responsabilidade é maior que o medo”.

– Non pensou en irse, en solicitar asilo noutro país?

– Quero enfrontar este xuízo, é a única oportunidade de expoñer ao Goberno. A comunidade internacional vai estar observando e eles terán que xustificar porque usan a Sedition Act contra un debuxante.

A tradición dos caricaturistas

A denuncia a través de viñetas políticas non é algo novo na Malaisia. Desde o desenrolo do xornalismo na década dos 30, as viñetas convertéronse no ariete nacionalista contra a colonización británica. Tamén foron utilizadas para criticar as chamadas “malas actitudes”, como a  preguiza ou a timidez, enarboradas como causa do atraso económico, explica Muliyadi Mahamood, especialista en arte e viñetas na Universidade de Teknologi Mara.

Coa ocupación xaponesa de 1940, os xornais da época comezaron a ser utilizados para mostrar unha realidade adaptada aos intereses da elite dominante, unha tradición que se mantivo tras da independencia. “Co espírito da nación recentemente independente, utilizáronse para inculcar a idea dunha vida harmoniosa entre a Malaisia multirracial, chamáranse malaios, chineses ou indios”, apunta Mahamood.

Así se mantivo ata que o panorama político do país cambiou drasticamente a finais dos anos 90 coa aparición da nova oposición, acompañada dos novos medios de comunicación dixitais. Foi nese intre no que nomes como os de Zunar agromaron cun novo ideario social.

O Goberno do BN respondeu endurecendo as leis de censura: o país ocupa o posto 146 entre 180 países na clasificación de liberdade de expresión en 2016 publicada por Reporteiros sen Fronteiras (RSF) e só na última década ao redor de 100 películas prohibidas baixo o pretexto de defender a moralidade. Moitos editores exercen a autocensura por medo.

Isto foi o que levou ao debuxante Sukhbir Cheema a renunciar ao seu traballo fai uns meses. A maioría das súas viñetas son moi críticas coa coalición Gobernante polo que foron prohibidas pola súa editora: consideraba que a súa impresión poderían resultar “moi perigosa”.

“En 2014 un grupo musulmán que está en alianza co goberno dixo que os musulmáns non poden dicir “Bo Nadal” aos cristiáns. Cando o escoitei pensei que era moi ridículo e debuxei a un neno vestido de Santa Claus dicindo “Bo Nadal!”. O meu editor díxome que si o publicaba poderiamos ter problemas. Por iso agora traballo de forma independente”, relata o autor.

Esta represión aos debuxantes máis críticos non funcionará a longo prazo. “Creo que si [Zunar] vai ao cárcere, nacerán máis debuxantes. Quen debuxan viñetas [políticas] están indirectamente apoiando a Zunar. Iso é o que el realmente quere”.

O certo que dende a súa persecución son cada vez máis os debuxantes que se están a sumar “a loita do sorriso” impulsada por Zunar. “Fai uns anos traballaba como creativo dunha axencia de publicidade. Nunca debuxara viñetas políticas ata que me decatei do caso de Zunar. Quería apoialo. Entristéceme ver que o Goberno queira meter a persoas como el no cárcere porque é a voz de moita xente”, explica Johnny Ong, ao que todo no mundo das caricaturas todo o mundo coñece como Joca.

“A campaña contra a liberdade de expresión non van funcionar ao longo prazo”, repite Joca. Dende a distancia, a bo seguro, Zunar estará a sorrir. “Sorrir é unha forma de protesta. Quero que a xente se ría do Goberno. Se empezar a mofarse de eles terán que irse. E ninguén pode ser detido por rirse”.

******* 

Os bolsos de Rosmah Mansor

A sociedade malaia tolerou durante medio século certo grado de corrupción. A oligarquía enriquecíase, pero o país rexistraba un crecemento medio do PIB do 6,35% anual desde 1961: miles de persoas saían cada ano dos índices de pobreza. Poucos se preguntaban entón polos excesos do Barisan Nasional. Tralas eleccións de 2013, nas que a oposición liderada por Anwar acadou os mellores resultados da historia, aínda que lonxe da vitoria electoral, a percepción social empezou a mudar. As caricaturas de Zunar propagábanse nas redes sociais: “The Man of Steal” converteuse nun símbolo, como o ollo todopoderoso da Sedition Act ou os bolsos de Rosmah Mansor, a primeira dama do país. “O problema de Najib é a súa muller. Á xente non lle gusta o seu tren de vida”, recoñece unha moza criada no benestar da oligarquía do BN mentres apura o seu café nun anden de KL Central.

É habitual ver a Rosmah de compras en Harrods ou en calquera das tendas de luxo da Quinta Avenida de Nova Iorque. Entre 2008 e 2015, segundo a investigación de The Wall Street Journal, a autoproclamada primeira dama malaia gastou 6 millóns de dólares en roupa, xoias zapatos e bolsos. Por algo posúe unha das maiores coleccións do mundo de bolsos Hermes, algún cuxo custo ascende a varios miles de dólares.

O país enteiro recoñece a Rosmah, a Imelda Marcos local, nas caricaturas de Zunar. A muller da melena voluminosa, o anel de diamante no dedo corazón e unha restra de xoias que non deixan pechar o bolso é o reflexo do que Malaisia non quere ser. E por iso Najib e a súa esposa están decididos a acalalo.

Reportaxe publicado na revista Luzes