Considerados-inmigrantes-Pablo-L-Orosa-1024x600

Rohingya, o xenocidio do que o mundo non escoita falar

Na baía de Bengala o silencio ten conquistado as palabras. A Rohima dálle medo escoitar o silencio. Por iso pasa as noites debuxando un mar que se parece a este que esmorece diante da súa casa. Mais o mar de Rohima non cuspe corpos espumosos. O mar de Rohima trae caixas cheas de xarda e de atún. A Hussein y a Saddik gústalles o mar que debuxa súa nai. “Por iso vamos a subir a ese barco. Para chegar a Malaisia”. Alí é onde Rohima pintou o seu mar. Mais o que Rohima aínda non sabe é que os rohingyas, os musulmás na ditadura budista da Birmania, teñen prohibidos os soños.

A Nour Alam gústalle mirar ao ceo ao amencer, cando as augas mansas de baía de Bengala se balancean entre o azul do horizonte. Por un intre, Nour Alam soña que é un home libre. Que o gueto no que a súa familia malvive desde o 23 de outubro de 2012 nunca existiu. Que un día os rohingya poderán traspasar a barreira policial que os confina a morrer de fame e tuberculose. A morrer de desesperanza. Mais hoxe non é ese día. Hoxe só é outro día máis nos campos de Thay Chaung.

Son pouco máis das 10 da mañá dun día de decembro de 2014 e o sol queima as capturas de xarda, cangrexo e atún que se consumen sobre os desvencellados postos do mercado local. Os pescadores rohingya negocian á baixa cos comerciantes arakan que percorreron os pouco máis de catro quilómetros que separan Sittwe, a capital estatal, da lonxa. A Rohima fai xa semanas que non lle alcanza para mercar comida. “Necesitamos os cartos para saír de aquí”, asegura. 500 dólares por persoa. 2.000 dólares por toda a familia. Pasaxe e subornos incluídos. A familia leva meses tratando de reunir o diñeiro.

Van marchar antes do monzón. Rohima teno todo preparado. Algo de roupa para os nenos e algúns recordos que se amorean sobre unha valixa de coiro escondida tras unha manta nunha esquina da cabana que ocupan ao norte do campo. “Sabemos que é perigoso. Escoitamos historias sobre as mafias e os secuestros, pero estamos decididos a irnos. Queremos darlle un bo futuro aos nosos fillos”. Hussein vai cumprir cinco anos nunhas semanas. Ten os ollos cobrizos e a pel tostada. Gústalle camiñar descalzo, corricando polas vereas poeirentas de Thay Chaung. A Saddik, ano e medio maior, preocúpalle o seu irmán. Non lle gustan as manchas ennegrecidas que xaspean as súas extremidades. Unha por cada picadura. Tampouco lle gusta esa mirada perdida coa que se levantou esta mañá. Ambos visten un pixama idéntico. Negro, con lunares vermellos. A Hussein quédalle grande. Ou suficiente para tapar os xeonllos mentres se apoia no marco dá porta. Hoxe seu pai non está, foi ao mercado en busca de traballo. Mais en Thay Chaung non hai traballo.

Na baía de Bengala son máis de 140.000 os rohingya que viven confinados trala vaga de violencia relixiosa que sacudiu en 2012 o estado Rakhine, o segundo máis pobre da Birmania, xa de seu un dos Estados máis subdesenvolvidos do mundo. Polo menos dous centenares de persoas morreron e outras 20.000 fuxiron do país. Algúns, como Aumianthice, tivéronse que recluír en campos de desprazados como o de Thay Chaung, nos arredores de Sittwe, do que non están autorizados a saír. Guetos que recordan ao apartheid sudafricano.

Thay Chaung ten dúas entradas. Unha en cada extremo do campo. Ambas están vixiadas por militares armados. “En teoría están aquí para protexernos e evitar novos enfrontamentos”, explica un mozo rohingya que prefire manter o seu anonimato. Os problemas xorden pola noite, “especialmente cando se emborrachan”. Entón comezan as vexacións e os abusos. Os militares percorren os campos buscando casa por casa novos inmigrantes aos que deter. Son os temidos spot checks. “Chegan a medianoite. Entran e revisan si hai armas. Arrestan a moitos mozos e ameázanos con levalos a xuízo para que paguen un suborno. Si non pagan antes dun mes, condénanos”, asegura Mohamed Idris, quen aos seus 37 anos é unha das voces máis respectadas da comunidade.

Idris dirixe xunto ao seu compañeiro Mohamed Mnur a mesquita de Thay Chaung, unha pequena construción de bambú levantada no extremo noroeste do campo, apenas a un centenar de metros das areas brancas de Bengala. Unha decena de homes apíñanse esta mañá no centro da estancia, fuxindo dos raios do sol que se coan entre as madeiras. Fóra a calor é asfixiante. Un deles ponse en pé para secarse a suor. Outro mira os reloxos que colgan sobre unha das paredes. “Antes non había problemas cos rakhine. Nós non tiñamos terras, eramos mariñeiros, así que faciamos negocios xuntos. Comerciábamos. Polas noites iamos uns a casa de outros”, rememora Idris. “Foi o Goberno o que forzou as diferenzas étnicas, o que xerou a violencia”.

-Foi un problema relixioso?

-De ningún xeito. A relixión foi utilizada como escusa, subliña Idris.

Nour Alam chegou a Thay Chaung o 23 de outubro de 2012. A noite anterior unha turba de homes da maioría arakan e de monxes budistas prendera lume á súa casa no número 11 do barrio de Ragan, en Sittwe. Algúns dos verdugos eran os seus propios veciños. Nour Alam non lles garda rancor. “Ata entón non tivéramos ningún problema, foi o Goberno o que incitou o odio contra os musulmáns”.

Aínda que o conflito entre a maioría budista arakan e os musulmáns rohingya remóntase ao fin do I Guerra Mundial, os “crimes contra a humanidade” denunciados por Human Rights Watch (HRW) comezaron o 28 de maio de 2012, despois de que unha moza arakan de 28 anos fose violada por tres musulmáns na localidade de Ramri. Cinco días despois, a uns quilómetros de alí, en Toungop, unha caterva de veciños detivo o autobús no que viaxaban dez musulmáns aos que golpearon ata a morte. En cuestión de semanas a violencia esparexeuse por todo o estado Rakhine. Grupos de ambas etnias arrasaron e queimaron pobos enteiros. “A nosa aldea foi sitiada durante varios días. Finalmente, o 21 de xuño prendéronlle lume. Todo o pobo quedou envolto en chamas. 22 persoas faleceron”, recorda Aumianthice, quen durante meses vagou por varios campos de desprazados ata atopar acubillo en Thay Chaung. “Este é o mellor de todos nos que estivemos”, relata mentres se acomoda con tino sobre as táboas esporteladas do zaguán. Un dos seus fillos dorme coa cabeza apoiada sobre unha almofada desafiada.

Desde o primeiro momento, as forzas de seguridade birmanas non só non detiveron a violencia, senón que tras o verán uníronse ás brigadas arakan. Para entón, a orde budista da zona, Sangha, e o poderoso partido nacionalista Rakhine Nationalities Development Party (RNDP) encheran xa as rúas de Sittwe de panfletos nos que instaban a “non facer negocios cos bengalís” nin “asociarse con eles”. O 23 de outubro de 2012, milicias arakanesas armadas con machados, espadas, pistolas caseiras e cócteles molotov asaltaron á vez nove aldeas musulmás coa conivencia da policía. En Yan Thei, unha aldea nos arredores da histórica cidade de Mrauk-Ou, 70 rohingya, entre eles 28 nenos, foron asasinados.

Das “cascudas” tutsis aos “cans” rohingya

Ao porto de Sittwe accédese por unha estrada estreita e lacada que escapa da cidade por camiños poeirentos nos que os vehículos deben deterse cada poucos metros, negociando unha orde imaxinaria de preferencia. Á marxe esquerda, unha decena de mulleres tallan sen descanso montañas de pedras que van colocando á beira da calzada. A escena repítese durante quilómetros, ata que empeza a cheirar a sal. E a lixo.

-Queren ir a Mrauk-Ou? Podo conseguirlles un barco.

-Para cando?

Apenas transcorren cinco minutos. “Temos un barco. É unha embarcación que fai cruceiros. Normalmente o prezo é de 100 dólares, pero están esperando para volver a Mrauk-Ou, así que lles fan un prezo especial. 20 dólares”. Media ducia de homes forman a tripulación. Un deles achégase e coloca tres cadeiras de vimbio no centro do navío. Despois ofrécenos auga. A medida que remontamos o río Kaladan a auga vaise aclarando ata tinguirse dun azul tan claro que deixa ver o fondo. Entón comezan a aparecer os barcos de pescadores no horizonte.

Mrauk-Ou, apenas a unhas horas da fronteira con Bangladesh, foi na idade Media un reino poderoso que dominaba as rutas comerciais deste recuncho de Asia. Daquela época quedan os vestixios dos templos e pagodas que coroan unha paisaxe abrupta e selvática sucado por mangleiros que atrae cada ano a algúns centenares de turistas. Hoxe as pequenas aldeas que se alzan tras os embarcadoiros de madeira permanecen en silencio. Fosas comúns delimitan o seu perímetro.

O novo guía négase a levarnos. O Goberno ten prohibida a entrada de turistas aos recintos rohingya. Ninguén en Mrauk-Ou quere falar do que ocorreu. “É un tema delicado”, terza U Gambira, un dos líderes da revolución do Azafrán. Desde o seu exilio na fronteira tailandesa, o clérigo é unha das poucas voces dentro do país que se atreve a defender aos rohingya. Nin sequera a premio Nobel da Paz, Aung San Suu Kyi, a gran esperanza occidental para a transformación democrática do país trala súa vitoria nas históricas eleccións do pasado novembro, situouse en defensa desta minoría. “Suu Kyi decepcionou a moita xente ao evitar situarse claramente nalgúns temas de dereitos humanos, non só no caso dos rohingya”, apunta Chris Lewa responsable da organización Arakan Project.

Durante máis de medio século a Xunta Militar e a elite económica aniñada ao seu redor alimentaron o discurso xenófobo contra os musulmáns. As proclamas incendiarias dos radicais budistas teñen calado na sociedade birmana. Do mesmo xeito que a Radio Television Libre des Mille Collines animaba aos Hutus a exterminar ás “cascudas” tutsis durante o xenocidio en Ruanda, os discursos do movemento 969, liderados polo autoproclamado “Bin Laden Birmano”, Ashin Wirathu, están cheos de invitacións para a aniquilación dos rohingya. Os “cans” como prefiren chamalos. Un proceso de deshumanización imprescindible para xustificar o xenocidio.  “Os musulmáns son ferramentas da yihad. Si teñen moitos fillos, no longo prazo poden conseguir moitos recrutas para a yihad. Por exemplo, en aldeas do norte do estado Rakhine a poboación musulmá é de 600.000 persoas, mentres que os nativos rakhine son só 30.000. Só nun día de xaneiro de 2012, os musulmáns destruíron 8 pobos e dous grandes barrios na zona. Isto é yihad”, alertou Wirahtu nunha entrevista a este xornalista para o diario Gara.

“Wirathu está expandindo a islamofobia en Birmania. Está intentando que os birmanos odien aos musulmáns. Iso vai contra os ensinos de Buda”, lamenta U Gambira. “É unha política que os militares usan para ganar apoio entre a maioría birmana”, engade U Shwe Maung, quen coma case todos os candidatos musulmáns foi excluído das últimas eleccións.

Morrer no mar ou morrer en terra

En Thay Chaung os prados están secos case todo o ano. Sen as choivas do verán, o campo é xa unha chaira térrea na que unha reducida cabana de gando enfraquecido busca un último pasto. Apenas algúns hortos con leitugas e verduras locais alivian a paisaxe. A vía do tren atravesa a planicie, separando as distintas barriadas do campo: os que chegaron en 2012, o distrito das familias, e o dos non rexistrados. Os esquecidos dos esquecidos. Dous nenos corren descalzos sobre os raís. Avanzan con pasos curtos e fugaces, sen mirar ao chan. A carreira conclúe xunto a un posto de control policial. Un check-point fronteira xunto á universidade de Sittwe. Durante as horas nas que os estudantes arakan usan a carreteira principal para acudir ás clases, os rohingya non poden penetrarse. Todos os mozos da comunidade musulmá abandonaron os estudos.

A familia de Rohima chegou a tempo. Entregáronlles unha pequena cabana de bambú ao norte do campo. Un habitáculo diáfano, sen paredes, iluminado polos raios que se coan polo enreixado da bufarda. Desde a porta distínguese no horizonte a baía de Bengala. Fai unha calor espantosa esta mañá. Rohima protéxese a pel co manto dourado da tanaka. “En Sittwe tiñamos unha vida confortable. O meu marido era carpinteiro e eu era asistente nunha clínica”, relata sen perder de vista aos seus fillos. Nos campos os nenos non poden ir á escola. Apenas hai un centro -cuxo custo non poden permitirse- e temen poñerse enfermos.

Aínda que o hospital de Sittwe atópase a pouco máis dun quilómetro do checkpoint, os rohingya non poden acudir a el. Só en casos de extrema gravidade son trasladados a un centro hospitalario. Alí volven ser discriminados: moitos médicos birmanos néganse a tratalos. Dentro do campo só hai unha clínica de atención básica, pero os tratamentos son insuficientes. “A falta de acceso a unha adecuada asistencia sanitaria é a maior ameaza para estes desprazados”, subliña Johannes Kaltenbach, responsable de Malteser International.

En Thay Chaung a comida escasea. Os subministros de arroz, noodles, aceite, sal e garavanzos repartidos por ACNUR dúas veces ao mes -os días 1 e 16- son insuficientes. Segundo un informe da Office for the Coordination of Humanitarian Affairs (OCHA), en 2013 había xa máis de 2.900 nenos nun “alto risco de mortalidade” por desnutrición. Este precaria situación empeora durante a estación de choiva. “Entón moitos nenos sofren diarrea”, explica Alam. Na época seca, entre novembro e maio, a auga escasea nos campos e dispáranse os problemas estomacais e a hepatites A.

No estado Rakhine, os rohingya carecen de liberdade de movementos. Non poden casarse sen o permiso das autoridades e nalgunhas aldeas o Goberno impuxo unha estrita política de dous fillos por familia para controlar o seu crecemento demográfico. Un apartheid. “Unha limpeza étnica”, apostila Lewa, unha das maiores expertas mundiais neste colectivo. Unhas acusacións que teñen sido respaldadas recentemente polo goberno da Malaisia. Desde o pasado 9 de outubro, cando armados con machetes, coitelos a algunhas pistolas centenares de mozos rohingya atacaron tres postos fronteirizos matando a nove policías birmanos, a persecución desbordouse neste recuncho de Myanmar: “A axuda humanitaria está bloqueada. As estradas están bloqueadas. Ao menos 150.000 persoas sofren escaseza alimentaria”, alerta o activista Nay San Lwin. Tralo inicio da bautizada como “Operación porta traseira”, o acceso ao norte do estado Arakan está restrinxido. Nin sequera a ONU ten libre acceso ao área.

Algunhas organización de dereitos humanos cifran en máis de 15.000 as persoas que volveron fuxir neste quenda tras das batidas militares. Falan tamén de pobos incendiados e violacións masivas. “Máis de 100 civís teñen sido asasinados e 200 tendas calcinadas”, asegura Nay San Lwin. O exército nega calquera acusación e Suu Kyi garda silencio, mentres varios premios Nobel, entre eles Desmond Tutu ou Malala Yousafzai, alertan dun xenocido similar aos ocorridos en Ruanda, Darfur, Bosnia ou Kosovo.

Namentres, sen comida, asistencia sanitaria nin dereitos, aos rohingya só lles queda escoller entre morrer en terra ou facelo en alta mar. “Aquí a vida é insoportable e por iso decidimos marcharnos a Malaisia. Queremos darlles aos nosos fillos unha vida mellor”, sentenciaba Rohima con eses ollos cansos de que xa viu pasar o futuro meses antes de que a cruzada contra os rohingya agravase aínda máis a miseria dos habitantes da baía de Bengala.

As rutas da escravitude

O barco esperaralles a medianoite. O intermediario subornou xa á Policía, así que non deberían ter problemas para alcanzar o peirao que domina o extremo da enseada. Entón xa non haberá marcha atrás. “Sabemos que é perigoso, pero temos que facelo”, insiste Rohima. Desde a baía de Bengala, a ruta máis curta levaríalles a Bangladesh. Apenas 180 quilómetros. 7 horas remontando as augas profundas do Índico. Hoxe poucos optan por este rumbo. “Alí tampouco teriamos cidadanía e teriamos que seguir fuxindo das autoridades”, apunta un mozo de perilla avermellada que domina a charla nunha das tabernas de Thay Chaung, xusto alén da vía que divide o campo.

Xa atardeceu e os homes matan o tempo debatendo sobre cal sería o mellor destino. Ninguén menciona Birmania. Voar a Yangon, para un rohingya, custa 4.000 dólares.

-Eu quero ir a algún país europeo. Finlandia ou Suecia, chapurrea en inglés Salih Roman.

Europa. As conversacións superpóñense. Algúns alzan a voz. Só acerto a entender que falan de Europa.

-Europa non é para nós. Non ves que alí non poderás pegar á túa muller, replícalle un dos mozos. Todos rin.

Malaisia. É o seguinte nome. O que suscita unanimidade. O universo soñado. A pasaxe ata este país de maioría musulmá rolda os 500 dólares por persoa. “É unha viaxe extrema, en embarcacións ateigadas e sometidos aos designios brutais dos contrabandistas”, apunta Lewa. As mafias que operan as rutas desde o oeste de Birmania condúcenos a través de Tailandia. Os que viaxan por estrada usan as montañas de Chiang Rai para cruzar a fronteira. Desde alí, son transportados en camións ao sur, aos bautizados como “campos da morte” nas selvas de Pedang Basear, a uns quilómetros de Malaisia. No entanto, a maioría chegan en barco. Fano tras sucar durante meses en condicións miserables, amoreados e sen apenas comida, as costas do mar de Andaman. Algúns atracan en Ranong, ao norte da turística illa de Phuket, ou directamente en Satun. Unha vez desembarcados, os traficantes trasládanos aos campos de Pedang Basear onde son recluídos ata que as súas familias pagan o seu rescate. Uns 2.000 dólares. Unha cifra inalcanzable para a maioría dos rohingya.

Mentres esperan a ser liberados, moitos morren. De fame. De enfermidades. De desesperanza. Os seus corpos son abandonados en fosas comúns como as atopadas a ambos os dous lados da fronteira nos montes de Khao Kheow.

O cemiterio de Andamán

Antes de avistar territorio malaisiano o capitán abandonou o barco. Deixounos á deriva. 600 migrantes, rohingya e bengalís, amontoábanse cos xeonllos contra os seus peitos. Non había comida. Nin auga. Nin mantas para a noite. Foi entón cando se masacraron entre eles. Machados, barras de ferro…Entre 100 e 200 persoas faleceron, segundo os datos recolleitos por France Press.

En 2015, os dramas humanos repetíronse nos barcos pantasma do mar de Andamán. As mafias néganse a desembarcar aos migrantes en terra firme e abandónanos en alta mar. Durante días Tailandia, Malaisia, Singapur e Indonesia rexeitaron acoller a estes migrantes aos que devolvían ao océano tras entregarlles auga, comida e combustible. Un ping-pong humano denunciado polas organizacións de dereitos humanos. Finalmente, trala presión da comunidade internacional, Malaisia e Indonesia aceptaron facerse cargo temporalmente dos refuxiados.

Desde xuño de 2012, ao redor de 150.000 migrantes embarcáronse nestes barcos pantasma, como ese que espera Rohima. A maioría non chegan xamais a alcanzar o seu destino. Os seus corpos vagan para sempre no cemiterio flotante do mar de Andamán.

Nos últimos meses, despois de que foran descubertas varias fosas comúns en Tailandia y Malaisia con restos de rohingyas, as rutas de tráfico de persoas foron conxeladas e a minoría musulmá volveu a vista á yihad: detrás da revolta do 9 de outubro está o autodenominado “Harakah al-Yaqin (Movimiento de la Fe), cuxa creación é recente”, apunta Lewa. A resposta desmusrada do Goberno de Suu Kyi para combater aos ‘muyahindines do Arakan’, a bautizada como “operación porta traseira”, só está a enrabiar o conflito. Cando os rapaces das mesquitas, os que emigraron a Bangladesh, retornen a Myanmar, “daquela veremos as verdadeiras consecuencias”, advertía xa a finais de 2014 Mr. Dieu, un dos líderes da comunidade de Thay Chaung.

A terra soñada?

A trasfega na rúa Petaling, o epicentro comercial do barrio chinés de Kuala Lumpur, é constante aínda a esta hora da noite, apenas a uns minutos das once. Os comerciantes retiran os andeis metálicos que copan as beirarrúas, mentres no interior dos locais os dependentes afánanse por colocar as mercancías. Só algúns turistas apuran o paseo nocturno. Ao dobrar a esquina, un cheiro a pan recentemente feito envolve a rúa Jalan Tun Tan Cheng Lock. Un grupo de mozos espera xunto á entrada a que os roti, o tradicional pan indio, estean listos.

A televisión está ao fondo, xunto ás neveiras das que entran e saen botellas de auga, zumes e algunha cervexa. Un dos camareiros trae unha bandexa con roti e dúas salsas: curry e unha crema de garavanzos. Na pantalla, unha canle de noticias fala sobre os barcos pantasma do mar de Andamán. O mozo quédase mirando, distraído. Un dos seus xefes, faille un xesto. Unha nova remesa de roti está esperando na cociña do restaurante.

Oficialmente 45,910 rohingyas residen como refuxiados en Malaisia. Outros miles fano de forma clandestina nos pisos pateira que comparten con ata unha decena de compatriotas. A maioría traballan en empregos que a poboación local rexeita, segundo ACNUR, por “perigosos, pesados e difíciles”. Porén, para os rohingya da baía de Bengala o universo soñado é un posto como camareiro en restaurantes como o Nasi Kandar Penang do barrio chinés de Kuala Lumpur ou un emprego na construción. Iso foi o que Rohima soñou para o seu marido.

Antes de despedirnos, á calor do atardecer de Thay Chaung, Rohima falaba do futuro dos seus fillos. Do universo que pintara para eles. Un universo cun colexio de paredes de cores. Mais en Malaisia os rohingya tampouco poden acceder á educación pública. Aínda que naza en territorio malaisiano, o país non aplica o principio de ius soli, polo que os menores non reciben a cidadanía. “Os refuxiados rohingya estiveron vivindo en Malaisia desde fai máis de dúas décadas sen un adecuado acceso ao sistema sanitario e á educación. Son unha xeración sen educación. Hoxe os nenos rohingya asisten a centros operados por ONGs e organizacións comunitarias, coa asistencia de ACNUR, apunta a investigadora Hema Letchamanan nun informe publicado en 2013. Mink xestiona uno destes colexios nos arredores de Kuala Lumpur. “Estes nenos necesitan axuda”, asegura. Cada día 140 menores asisten ao centro. 35 deles permanecen internos. Polo menos aquí reciben unha comida diaria con froita, carne e verdura.

A Hussein gustaríalle Malaisia. Aínda que non poida correr por vereas poeirentas nin atrapar o grallar das gaivotas en frascos imaxinarios. Gustaríanlle as súas rúas asfaltadas e os seus pratos de arroz. Aquí a xarda sabe a chocolatinas, e o mar cheira sal. Como no mar que Rohima pintou para el. Aínda que quizais nunca chegue a velo.

Reportaxe publicado na revista Luzes